Saturday 04 de May de 2024

1.500 persoas inscritas nas actividades culturais e deportivas do programa municiapal


En varias disciplinas aínda hai prazas dispoñibles.

Nos últimos días comezaron a desenvolverse novas actividades culturais e deportivas do programa municipal de inverno 2022-2023 que está en marcha desde o pasado mes de outubro.

O público infantil comezou o curso de pequecociña que se vai realizar ata o mes de abril todos os luns pola tarde no centro sociocultural de Lendo coa participación de nenos maiores de seis anos de idade, estando todas as prazas esgotadas. O sábado iniciouse a actividade de tiro con arco no pavillón do IES Agra de Leborís, tamén con boa aceptación do público ao quedar unha única praza dispoñible.
Ademais, xa está en marcha o curso de bailes latinos dirixido a persoas adultas que se imparte no centro sociocultural de Paiosaco nos seráns dos xoves e no que xa está todo o cupo cuberto.

No mes de febreiro principiarán no edificio de servizos múltiples dous cursos de informática para adultos, un sobre iniciación a internet (martes de 19:30 a 21:00 horas) e outro sobre o uso do paquete Office (venres de 19:30 a 21:00 horas). En ambos casos hai prazas dispoñibles.

Para marzo está previsto o inicio das últimas disciplinas desta programación municipal. No curso de cociña para adultos alcanzouse o máximo de inscritos. Na actividade de pádel están cubertas todas as prazas para adultos e soamente quedan dispoñibles na quenda infantil dirixida a nenos nados entre os anos 2008 e 2012.

A inscrición permanece aberta para os nenos no curso de iniciación ao skate co que se estreará o parque de patinaxe municipal, e para os adultos nas dúas quendas de arte floral que se impartirán en Montemaior (escola de Cumiáns) e Cabovilaño (centro sociocultural do Regado).

Entre as actividades que se veñen realizando desde outubro, as que comezaron en xaneiro e as que principiarán proximamente xa hai preto de 1.500 persoas inscritas, unha cifra que pon de manifesto a excelente aceptación por parte da cidadanía desta programación cultural e deportiva municipal de inverno que cada ano destaca pola súa variedade e por permitir a participación de todos os públicos.
A cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración de cada actividade, presentando descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade na que se inscriba unha mesma persoa.